lunes, 29 de octubre de 2012

O grupo San José entra no expolio de terras


Outra multinacional galega leva anos incorporándose ás novas modalidades de saqueo aos países empobrecidos. Neste caso, a constructora San José, empresa de Pontevedra propiedade de Jacinto Rey, aproveitou a súa presencia en Arxentina para introduciuse no lucrativo negocio da compra de terras. O Grupo galego adquiriu, a través da súa filial arxentina Carlos Casado, máis de 300.000 hectáreas de terra na rexión paraguaia do Chaco. 
A compra de terras é una actividade que experimentou una explosión nos últimos anos, con decenas de millóns de hectáreas compradas por grandes empresas en países do Sur. As causas desta nova colonización hai que buscalas no desplome das inversións financeiras desde 2008, na especulación cos alimentos e na dedicación crecente de terras á producción dos chamados “biocarburantes”. Os efectos son demoledores, tanto para os campesiños desas terras arrebatadas como para os países, que perden a capacidade de garantir a alimentación dos seus habitantes. Esta compra masiva de terras supón a expulsión de millóns de persoas que sobreviven de pequenas explotacións hortícolas, en moitos casos de forma violenta e sen recibir nada a cambio; privados do seu medio de vida, acaban traballando por un salario miserable para as multinacionais que lles roubaron a terra, ou vense obrigados a emigrar aos suburbios das cidades. 
No caso do Grupo San José, as terras adquiridas atópanse nunha zona boscosa do oeste paraguaio, e son o refuxio dos ayoreos, o último pobo indíxena non amazónico que vive aillado voluntariamente. Tras varios anos de denuncias por parte de diferentes ONG, como Survival ou Gente, Ambiente y Territorio, este verán a Fiscalía Ambiental de Paraguay verificou actividades ilegais de talado de bosques, así como construcción de diques e represas. Estas actividades serían un paso previo á introducción de miles de cabezas de gando, rompendo o hábitat actual dos ayoreos e do seu medio de vida. Pero probablemente, o destino que lle espera a estas terras do Chaco paraguayo estea no cultivo destinado á producción de biocarburantes, que xa nos últimos anos se está estendendo nesta rexión. Un uso moi rendible para as multinacionais, pero catastrófico para a alimentación dos habitantes desas terras, así como unha grande perda ambiental debida á deforestación dun bosque de grande riqueza ecolóxica. 
Pero o interese do Grupo San José, como o do resto de transnacionais que están mercando terras, vai máis alá dos cultivos, e así vén de vender 32.900 hectáreas á cooperativa Fernheim, por importe de máis de 14.680.000 dólares, un excelente negocio especulativo, a costa dos medios de vida e do futuro desenvolvemento dun pobo xa empobrecido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario