martes, 25 de agosto de 2015

En solidariedade coas mulleres das asociacións Centinelas e Red Madre.



En solidariedade coas mulleres das asociacións Centinelas e Red Madre.

En contra da propaganda política do goberno de Santiago de Compostela Aberta.


O partido SAIn de Galicia solidarízase con estas dúas asociacións que veñen de ser vetadas, desprestixiadas e estigmatizadas polo goberno municipal, a través da Concelleira, Concha Fernández. Entendemos que este veto argumentouse en base a interpretacións subxectivas e superficiais sobre a suposta ideoloxía das asociacións, máis que na realidade do seu papel social, sobre o que a Concelleira parece ter un grande descoñecemento.

A rolda de prensa na que se comunicaba á sociedade a non aprobación dos convenios coas asociacións por traspasar “liñas vermellas”, celebrouse mesmo antes de recibir a unha delas, Asociación Centinelas, a cal non tivo coñecemento previo nin puido expresar a súa opinión, expoñer o traballo realizado ou aclarar o ideario da asociación.

Entendemos que unha decisión desta relevancia política sobre unha realidade que afecta a centos de persoas en situacións moi difíciles, e que xorde precisamente pola falta de resposta desde as Administracións Públicas, debe partir dun coñecemento amplo da problemática, das persoas afectadas e dos servizos que prestan as asociacións. Cremos que o Concello debera tomar decisións partindo dos feitos e do respecto pola iniciativa cidadá, antes que deixarse levar por lugares comúns ou facer tábula rasa ideolóxica.

Ambas asociacións foron postas en marcha e sostidas con traballo gratuito de moitas persoas desta cidade, e atenden a centos de mulleres da cidade, con recursos achegados libre e desinteresadamente por persoas que as apoian. A aportación de 3.000 euros do Concello non vai ser determinante para a viabilidade destes proxectos, pero esta pequena cantidade deu pé a un debate furibundo e manipulado que ao cabo, resulta una propaganda lamentable.

Sen entrar ao contido das argumentacións do Concello, lexítimas pero moi cuestionables, esta decisión non contou en absoluto coas persoas nin os colectivos afectados. Non é unha decisión que fale dun goberno democrático, participativo ou aberto. É unha decisión do poder sobre a sociedade, contra un ben obxectivo: a atención a moitas mulleres con nenos que están cansas da ineficacia dos servizos sociais do Concello e buscan axudarse unhas a outras e ter espazos de compartir o que precisan.

Ao debate sobre o aborto no que a Concelleira centrou o tema, e que nos parece de grande interés abordar, tanto as mulleres e familias afectadas como os responsables e traballadores desas asociacións teñen moito que aportar, como moitos outros membros da sociedade. A ese debate estamos dispostos a colaborar, cando Compostela Aberta queira. Pero desde o SAIn queremos un goberno que impulse o protagonismo da sociedade e a atención dos problemas dos máis vulnerables, e non imposicións ideolóxicas desde o poder.
 
 

2 comentarios:

Vicky dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Vicky dijo...

Comparto totalmente a tua reflexión...non se pod decir mellor.
Dou fe de como dia a dia se poñen os medios humans y de busqueda d recursos para facerlle a vida mas levadeira a persoas q de verdade estan pasando por dramas personales....materiales y animicos....
Eu podo decir con orgullo q comparto con usuarias q abortaran ou seguiran adiante co embarazo.....Nunca estaras sola!!!

Publicar un comentario en la entrada