O Foro Galego de Inmigración en relación coa causa aberta contra Laura
Bugallo por axudar a persoas inmigrantes en situación de irregularidade
administrativa quere, en primeiro lugar, amosar a nosa solidariedade e
agarimo coa nosa compañeira, traballadora incansable na defensa dos
dereitos das persoas migrantes. Amosar o noso pleno convencemento de que
as súas actuacións non perseguen un aproveitamento en beneficio propio
do seu traballo coa poboación inmigrante de Santiago e Galiza. Ao
contrario, Laura ten contribuído á integración de moitas persoas
inmigrantes vinculadas ao Foro Galego de Inmigración. Por iso,
solicitamos de forma urxente a desestimación e arquivo da causa aberta
contra a nosa compañeira.
En segundo lugar queremos manifestar que pola propia lexislación de estranxeiría, para poder axudar a persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, as persoas e entidades que traballamos con este colectivo vémonos na obriga de atopar mecanismos que nos permitan superar as dificultades que o exceso e a complexidade da documentación que se lle esixe provocan. Forma parte case do noso traballo cotián e non pode ser que estas actuacións (facilitar un empadroamento ou un proceso de arraigo) se convirtan en obxecto de persecución policial contra esas persoas ou entidades.
En terceiro lugar queremos denunciar que actuacións tan lamentables como ésta dirixida contra Laura, obedecen, unha vez máis, á criminalización da poboación inmigrante, que se traduce na persecución sistemática cara a este colectivo na Galiza. Esta persecución inclue identificacións por criterios raciais en lugares públicos de uso habitual. Tamén observamos abraiad@s ás detencións domiciliarias de persoas inmigrantes, como si de delincuentes perigosos se tratase. Nestes casos as persoas son levadas aos centros de internamento de estranxeiros (CIES) de Madrid ou doutras partes do Estado, co correspondente gasto que supón esta actividade represiva. Esa actividade represiva esténdese tamén por último, como no caso da nosa compañeira, ás persoas e entidades que axudan ao colectivo de persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa, especialmente aquelas que, como éste Foro e como Laura, defenden os dereitos humanos e constitucionais destas persoas e denuncian as accións represivas intolerables que sufren por parte dos poderes públicos.
Non pode ser que axudar a inmigrantes en situación irregular sexa delicto. E, polo tanto, solicitamos de forma urxente a desestimación e arquivo da causa aberta contra Laura Bugallo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario