A CORUÑA.
12 DE XANEIRO DE 2013.
Unha campaña de boicot a Inditex. Esta é a iniciativa que presentaron este sábado membros da Plataforma #BoikotInditex na praza de Lugo da Coruña, diante dunha tenda da marca Bershka, do grupo téxtil de Arteixo.
Coa súa acción pretenden visibilizar ante a cidadanía as "prácticas abusivas que o grupo Inditex realiza a través non só do trato aos seus cadros de persoal nas distintas partes do mundo, senón tamén na Galiza", acusan.
Os membros desta plataforma denuncian tamén "a súa política de contratas e subcontratas, o seu modelo de consumo de fast fashion e a súa contribución a un modelo de beleza marcado polo sistema patriarcal e capitalista".
Acción
A presentación da campaña #BoikotInditex coincidiu co primeiro sábado de rebaixas. Un grupo de mulleres púxose a coser diante dun establecemento de Bershka na Coruña simulando o traballo nos talleres textis mentres visibilizan mediante cartaces situacións reais que se producen no sitema de traballo do grupo Inditex. Así, denuncian por exemplo que moitos traballadores de Inditex non teñen dereito a sindicarse, a facer folga ou a poñerse enfermos sen correr o risco de ser despedidos, ou que en Marrocos as mulleres están a traballar 65 horas á semana por tan só 178 euros ao mes, feito que xa foi denunciado por GC en xaneiro de 2012.
"A día de hoxe o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega é un modelo que se presenta como de éxito, xa que conseguiu situar ao seu principal accionista como o terceiro home mais rico do mundo, que, a pesar da crise na que nos atopamos, que empobrece día a día á cidadanía, segue a aumentar os seus beneficios a costa dese sistema de explotación", critican os membros da plataforma cidadá.
Ademais, salientan que "os medios non tiveron xa máis remedio que sacar á luz as malfeitorías que o grupo Inditex vai facendo polo mundo adiante a través de subcontratas que escravizan a mulleres e crianzas no seu proceso de produción". Mais para a plataforma aínda se está a "silenciar que isto tamén acontece aquí, no noso país, no suposto primeiro mundo".
Por todo isto, a Plataforma #BoikotInditex continuará con esta campaña poñendo en marcha diversas accións de denuncia e boicot ao grupo de empresas de Amancio Ortega e convida ás persoas e colectivos que se queran sumar a participar nesta plataforma. Fte: Galicia confidencial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario