Segundo o IGE o ano 2012 -último dato dispoñible- rematou en Galicia con máis de 324.000 mozos e mozas vivindo na casa dos pais, un 0,96% máis que no ano anterior. Isto implica que o 60% da mocidade galega, catro puntos porcentuais máis que doce meses antes, non desenvolve unha vida independente, fóra da casa materna ou paterna. As cifras de 2012 frean unha tendencia descendente, lixeira pero continua, que deu lugar a que entre 2007 e 2011 se emancipasen en Galicia arredor de 50.000 persoas de entre 18 e 34 anos.
Neste contexto, outro dos datos rechamantes deste estudo ten que ver co aumento non só da mocidade non emancipada, senón tamén dos mozos e mozas que viven coa parella sen saír da casa dos pais. Atendendo aos datos do IGE o 7,33% dos mozos e mozas que viven coa súa parella fano na casa familiar. A finais de 2011 este indicador estaba no 6,54% e no remate de 2010 acadara o 7,44%. Non baixou do 6% nin sequera nos anos considerados de bonanza económica.
Aínda que inflúan outros factores sociais ou conxunturais esta, como tantas outras, semella ser unha cuestión de cartos. Así, o propio IGE reflicte que en case o 50% dos fogares galegos compostos por persoas menores de 35 anos entran menos de 1.500 euros ao mes e no 26%, menos de 1.000. Neste escenario, apenas o 20% dos fogares se sitúan na faixa de ingresos entre os 1.500 e os 2.000 euros mensuais e aínda menos, o 16%, supera os 2.000 ou os 2.500 euros de ingresos cada mes.
Fte: www.praza.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario