En concreto, e segundo o inquérito do IGE, o 44,6% dos fogares galegos din chegar con dificultade a finais de mes, metnres que o 15% asegura facelo con moita dificultade. En total, o 59,6% das familias do país non alcanza con facilidade o remate do mes. O paro, os precarios salarios, o encarecemento da vida e a perda de poder adquisitivo non dan acougo á cidadanía.
A cifra, ademais, supón un aumento respecto ao trimestre anterior, onde o 55,6% dicía chegar con dificultade ou moita dificultade a final de mes, aínda que descende en algo máis dun punto con respecto a hai un ano, cando esta procentaxe elevábase até o 61,4%. Destaca, no entanto, o número de fogares que aseguran chegar "con moita dificultade" a fin de mes, xa que mentres que hai tres meses eran pouco máis do 9% os que aseguraban atoparse nesta situación, a cifra supera xa o 15%. En definitiva, e segundo a enquisa, só catro de cada dez familias (40,4%) do país manifestan chegar con facilidade ou moita facilidade a final do mes.
A mesma enquisa amosa que case o 32% dos fogares en Galicia non se permitiron extra ningún nos tres últimos meses, unha cifra algo superior ao do trimestre anterior e semellante ao de hai un ano. Ademais, o 4,8% recoñece terse atrasado no pago dalgún recibo obrigatorio, fronte ao 8,8% que o manifestaba hai un ano. No entanto, o futuro non semella ser esperanzador para as familias galegas, xa que máis do 37% xa advirte que terá que modificar hábitos de compra nos vindeiros tres meses, mentres que máis do 30% reducirá os seus gastos comúns.
Nos últimos tres meses, o 36,1% dos fogares dixeron ter cambiado hábitos de compra, como apostar por marcas brancas ou ofertas, para aforrar, mentres que un 29% aclara que reduciu os gastos na roupa ou no transporte. Ademais, un 10,2% recoñece que tivo que recibir axuda económica de familiares ou achegados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario