sábado, 21 de septiembre de 2013

Unha radio comunitaria en A Coruña. CUAC FM.

Compartimos a experiencia da radio comunitaria CUAC FM que demostra que é posible traballar con outros medios e fins (tamén nos medios de comunicación). O que se publica a continuación é un extracto da entrevista publicada en www.praza.com. 


En outubro, sexa de forma legal ou alegal, Cuac FM (103.4) comezará unha nova tempada de emisións, a décimo oitava, mantendo os seus obxectivo de ser unha canle aberta para que calquera persoa ou colectivo poida emitir un programa de radio. As novas propostas de programas e contidos que se realicen na asemblea do sábado e nos días seguintes uniranse aos 406 programas que a emisora suma en case dúas décadas. As emisoras comunitarias, moi numerosas e recoñecidas legalmente na meirande parte de Europa, non son ilegais en España, senón que se atopan nunha situación de alegalidade, recluídas nunha grella radiofónica dominada polas emisoras comerciais que decote invaden as súas frecuencias e que maioritariamente emiten en cadea dende Madrid, reducindo ao mínimo as emisións realizadas en Galicia ou en galego.

(...)

Cal foi para ti o mellor e o peor momento en Cuac nestes anos?
O peor o peche de maio de 2002, que nos tivo fora das ondas até o 1 de outubro de 2003. Non deixamos de traballar para volver, pero estivemos preto de desaparecer. Non tiñamos plan B nin nada parecido. O que pasa é que o que non te mata, faite máis forte. Agora temos plan B, C, D... O mellor momento, cando ves a cara de tensión e ao mesmo tempo de ilusión de cada programa que comeza. Impagable. Quen levamos moito en Cuac temos decenas ou centos de mellores momentos. Sen dúbida o mellor deste tinglado son as persoas.
Sentides que tedes o apoio da cidadanía, dos colectivos sociais da Coruña e arredores?
Cada vez máis. Nos últimos anos formamos parte da paisaxe e pensamos que pouco a pouco se vai asentando a idea que nós lle propoñemos á cidade: que Cuac non é da xente que está na emisora nun momento concreto, senón que é patrimonio da cidadanía da Coruña. Hai que dicir que temos sorte de que na cidade hai un extraordinario tecido asociativo, traxicamente invisibilizado, que sempre está disposto a botar unha man. Cuac o que pretende é estar a altura dese compromiso.


 "En Francia, hai 600 emisoras comunitarias que contribúen a prestar este servizo, nunha illa coma Malta hai 40, nun pais pequeno coma Dinamarca 140, en todo o Estado español pasamos por pouco dos 100"

No hay comentarios:

Publicar un comentario