martes, 20 de noviembre de 2012
¿Canto nos custa o Parlamento?
Uns 5 millóns de euros serven para pagar as asignacións económicas dos deputados e deputadas, compostos tanto por salarios como por diversas achegas adicionais.
O soldo dun deputado ten dous grandes compoñentes: a "asignación fixa" e as "axudas de custo". A primeira é algo semellante ao salario base e sitúase nos 1.942,95 euros ao mes. A esta cantidade engádense as devanditas "axudas", teoricamente destinadas a sufragar os gastos de aloxamento e manutención do parlamentario -a maioría non residen en Santiago-, que ascenden a 2.587,39 euros se o deputado ou deputada ten dedicación exclusiva -a maioría dos casos- ou 2.349,31 se a dedicación e parcial. A principal particularidade desta segunda partida, establecida na etapa na que a socialista Dolores Villarino presidía a institución, reside en que, ao ser unha caste de dieta, non tributa o IRPF. Así, é posible afirmar que en torno á metade do salario dun parlamentario raso está libre de impostos.
A estes dous grandes compoñentes engádense os complementos, que varían en función do labor de cada membro do Parlamento. Os de maior contía son os dos e das cinco integrantes da Mesa, a saber: 1.831 euros ao mes como complemento de "membro da mesa", 1.095 euros de "gastos de representación" -1.765, no caso da presidenta-, e 480,66 euros de "gastos de libre disposición" -906,45 para a presidenta-. Isto provoca que os complementos da Mesa sumen 18.129 euros ao mes. Outros dos complementos máis destacados son os que reciben os voceiros de cada grupo, 911,96 euros ao mes que suporán nesta lexislatura un gasto de 3.647 euros mensuais. Pola súa banda, cada vicevoceiro recibe 466,34 euros adicionais e os vinte e catro membros das mesas das oito comisións -tres en cada unha- teñen unha achega de 280,91 euros, cun total de 6.741 euros ao mes. Os complementos complétanse cuns 9.831 euros ao mes, resultantes dos gastos de representación do "resto de deputados", de 280,91 euros ao mes.
Así as cousas, o Parlamento gasta uns 340.000 euros ao mes en salarios que, unha vez engadidos os complementos, se converten en 379.987 euros ou, o que é o mesmo, 4,5 millóns de euros ao ano. Dado que os orzamentos reflicten unha partida de 580.000 euros para "gastos de locomoción" -cada deputado debe xustificar os seus-, a conta redonda sería duns 5 millóns de euros anuais, é dicir, a cuarta parte dos cartos que manexa o Parlamento nun exercicio económico.
extracto de www.praza.es
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario