viernes, 27 de junio de 2014

O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado


Extracto dunha entrevista a Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

É a saúde mental o ámbito da saúde máis afectado pola crise e os recortes?
En canto aos efectos da crise sobre a saúde, estamos seguros de que o ámbito máis afectado é a saúde mental. Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante. Hai informes que deixan claro o incremento do consumo de antidepresivos e ansiolíticos. O cambio nas condicións de vida dunha boa parte da poboación: empobrecida, debilitada, con máis incerteza sobre o seu futuro, privada dalgúns elementos materiais, apartada das redes normais de protección e apoio, privada en parte dos servizos sanitarios e dos sistema de axuda social..., todo isto fai que as persoas, loxicamente, manifesten en forma de trastornos a dificultade para tolerar estas situacións vitais.
Falouse moito do incremento dos suicidios, pero supoño que os efectos -ainda que con consecuencias menos terribles- nótanse en capas moi amplas da poboacións, non si? 
Hai cousas que viñeron pasando e que pouco a pouco se van convertendo en sufrimento psíquico insoportable. A perda de vivenda, a perda de emprego, a pobreza..., é normal que derive en trastornos psíquicos, entendendo isto non como algo estraño á experiencia común, senón como un sufrimento que nun momento determinado adopta un cadro sintomático tal que require de apoio especializado sanitario para poder enfrontalo. En todo isto o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade.


Fte: www.praza.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario