viernes, 28 de diciembre de 2012

As execucións hipotecarias soben un 23% en Galicia até setembro

Os desafiuzamentos seguen a ser un drama en Galicia. Segundo os últimos datos difundidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), os procedementos de desaloxo de vivendas, locais ou fincas presentados nos xulgados até setembro ascenderon no país a 1.366, o que supón un lixeiro descenso do -7,4% con respecto ao mesmo período de 2011, onde a cifra chegou ao 1.469 e a 1.885 a finais de ano. No conxunto do Estado, pola contra, os desafiuzamentos nos nove primeiros meses de 2012 alcanzaron os 49.702, un record desde que se difunden estes datos e un 15,9% máis que os rexistrados nos tres primeiros meses de 2011.
Pola contra, o que si se incrementan en Galicia son as execucións  hipotecarias, o proceso previo ao desaloxo, xa que aumentan nun 23% fronte ao 18,3% do conxunto do Estado. Xa que logo, no país descenden un chisco.

O ritmo de desafiuzamentos no Estado amainou un pouco, ao pasar de 18.668 no segundo trimestre aos 12.610 do terceiro, segundo a estatística sobre o efecto da crise nos órganos xudiciais que elabora o CGPJ. En Galicia, o número de desaloxos no segundo trimestre de 2012 foi de 531, fronte aos 308 dos tres meses seguintes, un pequeno descenso que non diminúe en case nada o drama de milleiros de familias. Así, a media é de máis de cen desafiuzamentos á semana.

De feito, e en canto ás execucións hipotecarias (procedemento no que se esixe o pago dunha débeda garantida mediante hipoteca que pode acabar nun desaloxo ou lanzamento), entre xaneiro e setembro pasados os xulgados recibiron en Galicia 2004 expedientes, un 23% máis que un ano antes (1.543 até setembro). O incremento é incluso maior ao do conxunto do Estado, con 67.537, un 18,3% máis que o mesmo período de 2011.
Ante esta situación, varias marchas, baixo o lema desafiuzar = asasinar, percorrerán as rúas de Compostela, Lugo, A Coruña e Ferrol este venres, á espera de que se concrete algunha nova convocatoria noutras cidades. Nas manifestacións lerase un manifesto que inclúe as reivindicacións que dende hai meses veñen repetindo estes colectivos: comezando pola paralización das execucións e a posta en marcha da dación en pago con efecto retroactivo acompañada da opción de aluguer social e a creación dun parque público de alugueiro social das vivendas usurpadas pola banca. Tamén se demandarán "responsabilidades xudiciais e políticas" aos responsables desta situación.
Finalmente, pídese que que as administracións se fagan cargo da defensa e asesoramento legal das familias que son vítimas dunha auténtica persecución bancaria, creando puntos de atención comarcal ou municipal financiados polos orzamentos públicos en colaboración cos colexios de avogados. E lémbrase que "o dereito á vivenda debe estar á marxe do mercado".
O manifesto salienta que "os culpábeis desta situación non son entes abstractos. Non son primas de risco, nin subidas ou baixadas do Euribor. Os culpábeis son os executores das políticas neoliberais e os banqueiros que durante décadas só se preocuparon de encher o peto, sen pensar nin un intre no tipo de crecemento económico que estaban a xerar. Esta burbulla inmobiliaria estoupou pero non nos mollou a todos por igual. Mulleres, migrantes, menores, obreiros e obreiras, somos os que estamos a pagar os atropelos dos Aznar, Botíns, BBVs, Zapateros e Rajoys".

Número de hipotecas

Por outra banda, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas en outubro en Galicia creceu un 5,3% con respecto ao mes anterior e fronte ao descenso de case dez puntos de media no Estado. No entanto, as hipotecas descenderon na autonomía  un 34% en relación ao mesmo mes de 2011, até as 948 operacións, o que representa  unha caída de case 20 puntos superior á estatal, segundo os datos publicados polo INE.

Fte: www.praza.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario