domingo, 31 de agosto de 2014

Botar gasolina en Galicia xa é un 60% máis caro

FTE: www.praza.com

 
 
O pasado abril, ás portas das habituais viaxes da Semana Santa, o Consello da Xunta estudaba un informe que veu constatar a evidencia de que os prezos dos combustibles en Galicia están entre os máis altos do Estado. Poucos meses despois de subir o imposto de hidrocarburos en 3,6 céntimos por libro de gasóleo e 2,4 por litro de gasolina o Goberno galego cargaba contra as petroleiras e anunciaba a súa intención de favorecer a competencia no sector impulsando a apertura de novas estacións de servizo, entre outras medidas. Catro meses despois daquela declaración de intencións o panorama semella variar máis ben pouco: a poboación galega segue soportando uns dos prezos de combustible máis caros do Estado e, ademais, repostar é xa ata un 60% máis caro que hai dez anos.
Atendendo ás bases de datos do Ministerio de Industria o prezo medio da gasolina en Galicia subiu un 62,4% na última década e o gasóleo fixo o propio nun 41,7%. Así, mentres que a finais de 2004 un litro de gasolina custaba algo menos de 90 céntimos, a finais do pasado mes de xullo estaba por riba dos 1,45 euros. Pola súa banda, hai dez anos o litro de gasóleo nas estacións de servizo galegas situábase nun importe medio de 96 céntimos por litro e na actualidade móvese na contorna dos 1,37 euros.
Só o ano 2009 supuxo unha lixeira relaxación para uns prezos que no que vai de ano experimentaron leves baixadas, aínda que sempre mantendo a Galicia notablemente por riba da media do Estado. Despois de rematar o 2013 un chisco por baixo do prezo -un céntimo na gasolina e dous no gasóleo- o ano comezou co novo imposto de hidrocarburos e con Galicia pagando o litro de gasolina un céntimo máis que a media estatal: 1,39 euros fronte a 1,40. No gasóleo a diferenza era aínda maior: 1,34 euros de media española e 1,36 en Galicia.
O paso dos meses non contribuíu a minguar ese diferencial. Ben ao contrario, o pasado xullo Galicia xa pagaba a gasolina a 1,45 euros mentres que a media estatal era de 1,43; o gasóleo estaba nas gasolineiras galegas a 1,36 euros e o promedio estatal era de 1,32 euros. Estes prezos sitúan o país como a segunda autonomía coa gasolina máis cara, igualada con Andalucía e só superada por Balears. Algo idéntico acontece co diésel, onde só as estacións de servizo baleares superan as galegas. A diferenza entre Galicia e autonomía máis barata para repostar, Navarra, é de seis céntimos por litro de gasolina e de case nove por litro de gasóleo.

http://praza.gal/recurso/1206/evolucion-dos-prezos-dos-combustibles/
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario