lunes, 23 de abril de 2012

O endurecemento da Lei de Estranxeiría pode deixar sen atención sanitaria dez mil persoas en Galicia

O Consello de Ministros do pasado venres endureceu as condicións que se piden para acceder á tarxeta sanitaria, e con ela á atención sanitaria gratuíta. Xa non abonda con que unha persoa estea empadroada, como sucedía até agora, senón que se esixirá tamén a residencia fiscal, o que penaliza aqueles migrantes que neste momento se atopan sen emprego. Polo tanto, as personas que se atopen en situación irregular só poderán acceder ás urxencias e á maternidade, aínda que non de forma gratuíta. Calcúlase que isto pode afectar a 600 mil persoas en todo o Estado, dez mil delas en Galicia.
Miguel Fernández, voceiro do Foro, explica que o solicitar algunha proba de "actividade económica" péchalle as portas a estas persoas, "que ao non teren legalizada a súa situación, non poden traballar"
O Foro Galego de Inmigración cualifica a medida de "flagrante violación dos dereitos humanos" e de "decisión terriblemente inxusta" pola outra. Miguel Fernández, voceiro do Foro, explica que o solicitar algunha proba de "actividade económica" péchalle as portas a estas persoas, "que ao non teren legalizada a súa situación, non poden traballar". A plataforma considera que esta decisión "é unha terrible inxustiza, porque as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa non teñen nada que ver co chamado turismo sanitario”.
O Foro denuncia que "pecha na práctica a atención sanitaria a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade" e que a "atención sanitaria de urxencias para este colectivo produciríase coa obriga de abonar os custos da mesma, o que de feito a imposibilita, ou cando sexan cuestións graves xerará debedas inasumibles". Fernández afirma que estas débedas impedirán no futuro "as posibilidades de regularización destas persoas".
Pola súa banda, o presidente de Facua-Consumidores en Acción, Paco Sánchez Legrán, cualificou de "inmoral perversión" negar a sanidade aos inmigrantes sen legalizar que non atopen traballo que pode "condenar á morte por desatención a multitude de cidadáns". Sánchez Legrán afirmou que constitúe un "insulto cheo de cinismo" que se castigue a medio millón de inmigrantes co argumento de non teren emprego, cando en España hai máis de cinco millóns de parados. Un estudo publicado hai catro anos aseguraba que as persoas migrantes empregan os servizos sanitarios con menos frecuencia que as nacidas en España.
O Foro introducirá esta cuestión da Plataforma pola Sanidade Pública, da que forma parte
O Foro Galego de Inmigración está a realizar un chamamento a partidos políticos, sindicatos, asociacións, entidades e a poboación en xeral "para que non permitamos que esta decisión chegue a concretarse no anunciado cambio lexislativo que estableza cidadáns de primeira e de segunda". O Foro introducirá esta cuestión da Plataforma pola Sanidade Pública, da que forma parte, e realizará unha campaña de concienciación ante a situación de vulnerabilidade e desprotección na que poden quedar estas persoas.

Fte: www.praza.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario